Saturday 27 de April de 2024

A Reserva de Biosfera recibiu en FITUR a súa distinción como Destino Turístico Starlight


• Mariñas Coruñesas impulsará o astroturismo no seu territorio cunha oferta específica

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas recibiu onte en FITUR a súa distinción oficial como Destino Turístico Starlight. A certificación, outorgada pola Fundación Starlight tras validar a candidatura presentada, abre as portas do astroturismo, unha modalidade cada vez máis en auxe.
A directora da Fundación, Antonia Varela, fixo entrega da certificación á delegación de Mariñas Coruñesas na feira, composta polo presidente, José Antonio Santiso, o vicepresidente, Sergio Platas, e a alcaldesa de Betanzos, María Barral, ademais do xerente de Mariñas Betanzos, Carlos Ameijenda, e do Plan de Sustentabilidade Turística, Diego López.
Ademais da entrega do distintivo, no encontro abordáronse as próximas accións que prepara a Reserva ligadas a ser Destino Starlight. Tras realizar a finais de 2023 o primeiro Curso de Monitores Astronómicos, Mariñas Coruñesas levará a cabo un novo encontro Starlight este ano.
A entidade presentará ademais unha oferta específica Starlight en Mariñas Coruñesas. A certificación constata como óptima a calidade do ceo dun territorio en canto ás súas calidades para a contemplación. Ao estar protexidos da contaminación lumínica, estes ceos son especialmente aptos para desenvolver actividades turísticas baseadas neles.
Así mesmo, na reunión coa Fundación abordouse a participación no Encontro Anual Starlight que coincidirá este ano 2024 coa II Conferencia Internacional de Astroturismo por Starlight, que se celebra cada 3 anos. Trátase do máis relevante e significativo encontro de profesionais, empresas, entidades públicas e privadas, vinculados o astroturismo e desenvolvemento sostible local, patrimonio natural e cultural asociado á luz das estrelas, protección do ceo e difusión da astronomía.
Santiso agradeceu a concesión do título dado que supón “unha nova oportunidade para seguir impulsando o ecoturismo”. Destaca que a primeira actividade, levada a cabo no encoro de Beche, foi un éxito e augura que será unha actividade que permitirá aos establecementos da marca a creación de sinerxias para continuar fortalecendo a súa oferta.